“Un concello baixo sospeita”, dicía nunhas declaracións Eva
García de la Torre, portavoz socialista no concello do Porriño, e dicía ben. Porque,
se algo caracteriza o que se está a vivir no Porriño é a situación de
constante sospeita.
Pero a que se debe esta sospeita?
En primeiro lugar, ás preocupantes novas de que a fiscalía
de Pontevedra, como contan os medios, teña aberta unha investigación sobre
certas actuacións do goberno municipal do Porriño e, nomeadamente, do seu
alcalde presidente, Nelson Santos.
En segundo lugar, ao actualmente difuso desas actuacións da fiscalía
que levan a poñer baixo sospeita todo o labor de goberno en tanto non se
concreten, de se concretar, nunha querella. Tamén a actuación do alcalde e o
seu número dous, José Manuel Jacobo, diante destas noticias, negando, en
principio, que se estiveran producindo e, despois, sen argumentos de peso, a
consitencia das mesmas. Ninguén aceptará que toda unha fiscalía se mova sen ter
razóns de peso para se mover. Tampouco o argumento de que hai unha man negra detrás das actuacións é de recibo.
En terceiro lugar, a situación de oscuridade que reina no
concello coa entrada de Santos na alcaldía: disminución dos plenos, dificultade
para aceder aos expedientes, falta de información fiable sobre os asuntos máis
importantes do concello. Hoxe en día, os concelleiros e concelleiras da oposición
ven mermados os seus dereitos constitucionais de participación política, ao
mesmo tempo que os expedientes parecen circular de xeito incontrolado en mans
extrañas, como se pode deducir das últimas novas.
Non é facil facer oposición diante dunha maioría absoluta e
o alcalde tenta que esta dificultade se agrande, chegando mesmo a rozar a
ilegalidade.
A petición por rexistro dun pleno extraordinario, do que
descoñecemos o contido, por parte do BNG, manifesta que a oposición tampouco ve
este tema como o suficientemente preocupante como para actuar de xeito conxunto
e mesmo abrir os brazos a quen, estando no grupo de goberno, aseguran non
compartir as actuacións do alcalde e o seu entorno. É posible que o propio
alcalde estea actualmente en minoría no pleno pero esa circunstancia hai que
facela patente con xestos políticos que o concreten.
Teño a certeza de que o grupo municipal nacionalista ten
documentación suficiente para abrir luz nesta oscuridade. Seino porque, mentres
pertencín ao mesmo, compartín os traballos calados de búsqueda e confirmación
das informacións e, cónstame, que no ano que levo apartado da primeira
liña, seguiron traballando arreo no asunto.
A portavoz nacionalista, Mónica Bugarín, acerta na súa
diagnose de que é a falta de respecto aos procesos legalmente marcados o que
ten propiciado esta situación. A sospeita ten o terreo abonado nesa actitude
continuada do alcalde e o seu grupo de saltarse a legalidade na contratación. De
aí a beneficiar a amigos e achegados hai moi pouco treito. Iso é o que parece
que se está a investigar e compre que se faga ata o final, como pidía o
presidente do PP local, Manuel Carrera, porque é de interés colectivo.
Seguiremos atentos aos acontecementos.

