Un relato algo extenso do pleno celebrado no
Porriño. Perdoade pero non poiden sintetizar máis.
Onte houbo pleno ordinario no Concello do
Porriño. Un pleno que pasará a historia local como “o día en que as comisións
de afectados polas preferentes retiveron durante horas á corporación”.
Sí, ese sería un titular posible, e seguro que
así quedará, pero non é quen, de seu, de explicar o que alí aconteceu. Para
contalo hai que pasar do titular e ir ao corpo da nova.
O pleno escomenzou ás 19 horas. Cunha
asistencia tan grande, para as dimensións do local, que fomos moitos e moitas
os que quedamos de pe e mesmo no hall de entrada ou fora.
A maioría das persoas asistentes ían con
camisetas das comisións de afectad@s e o ambiente estaba bastante caldeado dende
o inicio. Algo comprensible. As persoas afectadas por esta estafa de luva
branca que son as preferentes levan xa un ano acudindo a diferentes instancias
e ninguén é quen de darlles mellor resposta que palmadas nas costas e palabras
de apoio, pero ningunha solución aceptable.
O Pleno.
Cando o alcalde deu escomenzo ao pleno saltou
a primeira sorpresa: Ía tratarse somentes o punto das preferentes e logo se
suspendería o mesmo a petición das comisións de afectad@s. Polo tanto os demáis
puntos da orde do día quedarían sen debatir.
Non sería mellor que o alcalde, si quería
facer un pleno sobre este único asunto, o convocara como extraordinario e non
estragara a convocatoria do pleno ordinario que se tiña que celebrar logo de
dous meses sen sesión ordinaria?
Eu tiro a conclusión de que Nelson Santos
aproveitou para cargarse un pleno ordinario porque son os únicos nos que a
oposición pode presentar mocións, rogos e preguntas.
A segunda sorpresa foi escoitar ao alcalde
dicir que o PP retiraba a súa moción sobre as preferentes e que se ía debatir
un texto das comisións de afectad@s.
Eu concordo que o texto a debatir debería ser
o das comisións, elas eran as que viñan solicitar amparo, pero... a que viña a
moción presentada en comisión do PP que era calcada da das comisións?.
Pretendía o alcalde aparecer, xunto co Partido Popular, como único defensor das
persoas afectadas?. Si o pretendía saiulle o tiro pola culata. Non sei si por
presión das comisións ou por presión dos grupos da oposición, que xa alertaran
desta incoerencia no debate en comisión informativa do punto en cuestión.
O deber
de abstención en asuntos que se ten interés persoal.
Pode o alcalde Nelson Santos particpar neste
pleno ou se ten que abster?.
A lei de réxime local e a de procedemento
administrativo indica que calquera persoa que teña intereses persoais nun punto
non debe participar na súa deliberación e votación.
Ten intereses persoais o alcalde no asunto das
preferentes?
Eu creo que si.
O sr Nelson Santos chegou á alcaldía dende o
seu posto profesional de director da sucursal de La Caixa no Porriño. Mentres
exerza de alcalde, en adicación exclusiva, está, técnicamente, en excedencia no
banco. No momento que deixe o seu traballo na corporación pode pidir a
reincorporación imediata no seu antigo posto de traballo.
De todos é coñecido que La Caixa tamén está metida no
lío das preferentes e os seus intereses son contrarios ás comisións de
afectados.
Tamén é coñecido que a venta de preferentes
producía incentivos monetarios aos empregados de banca que as colocaban.
Preguntei por este tema a xente do sector, que
me resultan creibles, e dixéronme que o Sr Santos vendeu preferentes na súa
etapa en La Caixa.
Tanto profesional como persoalmente a lei
indicalle que non podía presidir este pleno e que tiña deber de ausentarse. Non
só non se ausentou senón que nos enteramos que leva cerca dun ano facendo
“asesoramento profesional” sobre este asunto no despacho da alcaldía. Ninguén
alleo nolo contou. Foi o propio Nelson quen o dixo publicamente no pleno
ordinario do mes de xaneiro.
De se confirmar estas circunstancias
estariamos diante dunha nova e grave irregularidade no comportamento do actual
alcalde do Porriño.
As
intervencións no pleno.
Logo de retirar a moción do PP e sin querer
contestar a unha cuestión de orde sobre ese proceder da portavoz nacionalista,
Mónica Bugarín, o alcalde deu paso á intervención das portavocías dos grupos.
Os grupo mostraron o seu apoio verbal aos
afectados polas preferentes.
O PP fixo fincapé na responsabilidade de
Joaquín Almunia e Europa. Mira moito a Europa o PP cando veñen mal dadas
O PSOE argumenta que debe ser o Fondo de
garantía de depósitos o que cubra os pagos íntegros ás persoas afectadas que
non son inversoras e que o goberno do estado ten na súa man que así sexa.
O BNG dí que a solución ten que ser política e
lanza a pregunta do millón: Deixará o PP o señor alcalde e o grupo de goberno
si non se soluciona o das preferentes, como piden as comisións afectadas e
aceptou o alcalde de Oia?
Todas estas aportacións foron engadidas e o
alcalde procedeu a sacar a votación o punto. O resultado foi unanimidade.
Neste momento, Mónica Bugarín pregunta si está
incluído o da dimisión e o alcalde pronuncia unha das frases gloriosas da
noite: “Yo dimitiré cuando cobre el
último de los afectados”.
Prodúcese entón un abucheo no público.
O alcalde dí entón que remata o pleno e deixa
sen tratar os demáis asuntos.
Habían de ser as 19:30. Non mirei o reloxo
pero a cousa foi breve.
Ao
rematar o pleno.
Mediaticamente esta foi a parte máis
interesante. Está claro que mocións de apoio se asinan todos os días nos
diferentes concellos e non teñen causado efecto algún.
O interés das comisións de afectados estaba
claro: que o alcalde e o grupo de goberno asinara o que xa fixera o alcalde de
Oia, tamén do PP. Un escrito no que comunicaba á dirección do parido advertindo
de que de non se solucionar o problema das preferentes co cobro íntegro das
cantidades depositadas, o alcalde e o grupo do PP abandonaría o partido e
pasaría ao grupo mixto ( por certo, non adscritos na dinámica municipal).
O portavoz das comisións pidiu a palabra. O
alcalde tentou de que non falara e convidou a unha reunión cos representantes
das comisións e o grupo de goberno nas dependencias da alcaldía. Un claro
intento de deixar fora á oposición municipal e tratar o asunto a porta pechada.
O portavoz, apoiado polos berros dos
presentes, insistiu en falar e non aceptou a reunión sen a oposición e na
alcaldía.
Entón o alcalde fixo un novo intento: que
falara a portavoz do grupo de afectados do Porriño. Pero a portavoz do Porriño
dixo que quen tiña que falar era o portavoz que xa pidira a palabra e era o
encargado de facelo . Foi un golpe para o alcalde que seguiu insistindo pero
non foi quen de mudar esta posición.
Nas bancadas do público a cousa estaba
quentándose por momentos e só se tranquilizou a situación cando o portavoz das
comisóns poido, ao fin, comenzar a seu relato.
Sintetizando mativo os seguintes argumentos:
que estaban cansos de boas palabras e mocións que non reconducían a situación;
que cando estiveran en Bruxelas comprobaran que o goberno español os tiña
vendido ao afirmar que somentes un 15% eran pequenos aforradores e iso se ía
solucionar coa arbitraxe; que comprobaban que o PP mudaba o voto a favor nos
concellos polo voto en contra en Santiago e Madrid; e que o que querían era
máis presión dos concellos gobernados polo PP, como o do Porriño, lanzando o
órdago da disolución dos grupos municipais do PP si non se solucionaba o
problema e cobraban todos os afectados. Por iso insistían en que o alcalde e o
grupo municipal do PP do Porriño asinaran un documento de apoio ás víctimas e o
compromiso de romper co PP, mantendo a alcaldía, e o paso ao grupo mixto si os
afectados non cobraban.
A petición era ben clara e todas as miradas e
a presión estaba neste momento sobre a figura do alcalde e o seu grupo.
Producíronse entón os momentos máis tensos da
reunión con diversas intervencións das persoas afectadas e algún rifi rafe con
membros do PP. Nomeadamente con Carlos Martínez, María José Martínez, Ana Paradela, e Mercelino
Coto. O alcalde adoptou a postura de calar e non dicir nin pío. Houbo invasión
do espacio da corporación e, polo que vimos no Faro, verteuse unha botella de
auga na mesa do alcalde mentres algunhas persoas se encaraban co grupo de
goberno e facían soas bucinas e cornetas. A policía local todavía non estaba
posicionada.
Lonxe de colaborar a incendiar máis o
ambiente, os grupos da oposición permaneceron nos seus escanos en actitude
calmada e sin intervir. Eu penso que foi unha lección de dignidade
institucional que non sei si o alcalde agradeceu en privado pero creo que
debería facelo.
Ao cabo acordouse realizar unha reunión entre
un grupo de representantes das comisións e a totalidade da corporación no salón
de plenos.
As demáis persoas que asistiamos á sesión
tivemos que abandoar a sala, cousa que se produciu con corrección e sin
incidentes, e agardar fora polo resultado.
A espera foi larga e ía frío na rúa. Pero moita xente
permaneceu nas inmediacións da casa consistorial.
Alí falei con varias persoas afectadas. A
situación é moi desesperada e non sei si os de arriba son conscientes de canto.
O prazo da quita se achega e as promesas electorais do PP non se convirten en
realidade. Polo que falamos deducín que moitos deles, a maioría me atrevería a
dicir, votaran ao PP e confiaran cegamente nas promesas que personalizaban en
Rafael Louzán, o presidente da Deputación de Pontevedra.
Logo de agardar bastante tempo e cando os
ánimos comenzaban a quentarse pola espera, abriuse a porta do salón de plenos.
Imaxino que a intención era que sairán os representantes das comisións e
explicaran a quen agardaban o resultado da reunión. De feito a policía local
tentou impedir a entrada no salón de afectados e público. Intento que resultou
inutil e que afortunadamente non pasou a maiores.
Con todos e todas novamente dentro, o portavoz
d@s afectad@s que estivera na reunión deu a noticia de que o alcalde entendía
en que a solución non podía ser política e que se negaba a asinar documento
ningún.
Algún dos concelleiros e concelleiras do PP
alegaron que iso non fora o que dixera o alcalde e este permaneceu calado. Por
máis que os afectados lle solicitaran que expresara publicamente a súa postura
non quixo dicir nada. Permaneceu sentado na mesa da presidencia como si fora
alleo ao que estaba a ocurrir e foi Marcelino Coto quen fixo labores de
alcalde. O seu discurso, baleiro de contido e cheo de tópicos antipolítica (os
do PP son sempre moi antipolíticos nos seus discursos e moi políticos nas súas
actuacións institucionais e persoais) e as chamadas á paciencia, non fixeron
máis que enervar máis ao público que non podía crer o que estaba a suceder.
O que alí se dixo e se berrou podedes
imaxinalo. Trompetas, bucinas e berros diante dun alcalde que parecía entender
que o conto non ía con el e permanecía mudo e abstraído.
Eu marchei ás 12 da noite.
Entereime de que, máis ou menos, esta
situación durou ata as cinco e media da mañán con garda civil e saída con
escolta do grupo municipal do PP polas dependencias policiais.
Ata aquí, tentei facer un relato o máis obxectivo
posible do que eu vin.
Agora
vou facer unhas valoracións a título persoal e sin máis pretensión:
1º.- O alcalde e o grupo de goberno, tan
acostumados a organizar grandes concentracións con orquestras e inchables,
foron incapaces de prever o que podía ocurrir e fallaron estrepitosamente no
que a seguridade das persoas se refire.
2º.- O alcalde mostrou que está coas persoas
afectadas coa boca pequena pero que o seu corazón está coa dirección do PP e
coa banca.
3º.- A posición das comisións de afectados de
buscar apoios na administración local é comprensible. Os concellos son a
administración máis cercana e sensible aos problemas do vecindario e estes
siguen a ter, pese a que está a cair, unha alta credibilidade neles.
4º.- As decisións dos órganos dos concellos,
nomeadamente pleno e alcaldía, deben ser tomadas en libertade e sen coaccións.
Pode alguén pensar que houbo coaccións no pleno por parte das persoas afectadas
pero esta hipótese cae polo seu propio peso ao comprobar que ninguén fixo ou
asinou nada que non quixera facer.
5º.- Os concellos entenden de situacións do
máis diverso, como esta, sin ter competencias nin recursos. Nun momento que o
goberno do estado e o partido que o apoia, o PP, tentan reducir o protagonismo
dos concellos queda comprobado e certificado que están atacando a un dos piares
máis sensibles do sistema democrático e un dos poucos que gozan de credibilidade na
cidadanía. Cidadanía que acode a eles en busca de solucións e apoio vcando o
precisa.
6º.- Non son quen de lle dicir ao alcalde do
Porriño o que ten que facer pero de seguir estando, como estiven, en esa
función non sería a miña a actuación nin parecida a que el tivo neste pleno. Un
alcalde ten que ser máis sensible aos intereses xerais da cidadanía e este ten
estas características. Un alcalde ou acaldesa, ten na súa man algún poder pra
modificar situacións que oficialmente non son da súa competencia e no pleno ten
un aliado, non só na parte do pleno que o apoia senón na totalidade. A
diversidade do pleno axuda a cargarse de razóns si se establecen canles de
consenso en asuntos de interés xeral coma este. Agardo que a miopía partidaria
non impida ver ao alcalde do Porriño o servicio á institución, por enriba de
siglas, que no pleno prestaron os grupos da oposición.
E un alcalde debe calcular as súas palabras e
silencios. Calar e fomentar con esta posición o alboroto e a perda das formas
non é boa cousa. E esto foi o que fixo, consciente ou inconscientemente o
alcalde do Porriño no pleno das preferentes. Tentou dar carpetazo a un asunto
grave cunha declaración de intencións e sin mollarse o máis mínimo e cando
chegou o momento de quedar en evidencia e terse que posicionar non soubo máis
que calar e pidir axuda ás forzas de seguridade. Un camiño para que tamén os
concellos perdan credibilidade nun momento que esta é unha das poucas
esperanzas que se abren ao cidadán do común.
7º.- A porta traseira do pleno sempre estivo
aberta e non se comprende que non fora utilizada polo alcalde, aínda que só
fora por prudencia, ata as tantas da mañán. Si nada tiña que dicir, debeu, por
sentido común, evitar a tensión que se produciu non só aos afectados e
afectadas senón tamén aos seus compañeiros e compañeiras de goberno, dos grupos
da opisición e ás forzas de seguridade locais e da garda civil.
8º e final.- A estafa das preferentes e
subordinadas foi feita a conciencia e se descargou sobre a xente do común que
non entendía máis que de prazos fixos e foron enganados con consentimento dos
organismos de control financieiro. Esta estafa masiva de se producir por
persoas alleas ao sector bancario tería producido multitude de detencións e
severas condeas. O estado está máis preocupado pola estabilidade do sector
financieiro que pola saude e benestar da cidadanía. A cousa pinta moi mal e a
presión é entendible e necesaria. A perda das formas contribúe a crear mala
imaxe das víctimas que precisan gañar o aopio unánime da poboación. Ademáis da
presión hai que organizar a defensa xurídica de xeito colectivo polo que poida
vir e iniciativas coma a do fiscal xeral de Galicia e a de asociacións de
afectados, como a de Agaprofi, son máis necesarias que nunca para facer un
cortalume no caso de fallar a solución política por inanición do goberno
central e autonómico.













