Enterámonos polo Atlantico diario de que o alcalde, Nelson Santos,
organizou un sistema de vixiancia da fotocopiadora municipal que, a pesar de
ser bastante rudimentario, resulta espectacular e descoñecemos si eficaz.
O primeiro en sufrir as consecuencias deste
novo sistema foi o concelleiro do BNG Marcos Rodríguez Novás o día que quixo
facer unha fotocopia do expediente que estaba a consultar e foi abordado polo
secretario da alcaldía, Urbano González Pérez, cargo de designación do alcalde
e cuñado do mesmo.
Cando Marcos se achegou á fotocopiadora, o tal
secretario foise para ela e agarrouna de tal xeito que era imposible levantar
a tapa da pantalla onde se colocan os orixinais e, polo tanto, facer
fotocopias. Ao mesmo tempo repetía: “Hai que ter autorización do alcalde para facer
fotocopias”.
Quen coñeza as oficinas do concello do Porriño
caerá na conta de que esta actuación, que causa vergoña allea, produciuse á
vista do funcionariado que alí traballa e dos posibles veciñas e veciños que
agardaran para ser atendidos.
Non me consta que o secretario da alcaldía
fose equipado con uniforme de garda de seguridade nin que levara calquera
instrumento para lle facilitar a tarefa. A todo se chegara, a pouco que as
concelleiras e concelleiros da oposición deixen a postura de evitar os conflictos ante
estas actuacións e se produza unha confrontación con incerto resultado.
Dicía Castelao nun dos seus famosos relatos:
“Non vos riades que o conto é triste”.
Triste por ver un alcalde enrocado dando ordes
máis propias dun parvulario que da sede da administración local da vila do
Porriño.
Triste porque estamos diante dun intento de
impedir que a oposición municipal poda realizar o seu labor coas garantías que
a lei lle outorga.
Esta actitude de vixianza e persecución cos
concelleiros e concelleiras, non é raro que estea extendida ás traballadoras
e traballadores do concello porque, do que se trata, é de que o alcalde non quere
que se filtre papel algún que poida dar luz sobre as graves sospeitas de
comportamentos irregulares que están en boca do vecindario. Debe supoñer o
alcalde que, con esta actitude de hostigamento e acoso, vai impedir que esa información
saia á luz e a xente coñeza a verdade.
É como tentar evitar o afundimento do Titanic
cun rollo de cinta aillante..


Alucino vecino...
ResponderEliminarMenos mal que temos cámaras dixitais. Cada vez penso que o papel é máis e máis inútil. Incluso hai escáneres portátiles: http://is.gd/aJU68k
Saúde!
Tentar evitar o afundimento do Titanic cun rollo de cinta aillante.
Eliminar