Varios amigos e amigas trasladáronme a súa extrañeza polo
feito de que foran veciños e non grupos políticos os que presentaran denuncia
na fiscalía e tamén fixeran aporte de documentación. Todo isto según o que se
ten publicado.
Ao meu entender, a pregunta denota certo enfado veciñal que
non é de todo xusto co labor da oposición.
As concelleiras e concelleiros electos que non forman parte
do grupo de goberno teñen a obriga de controlar o labor do goberno. Están
facendo o seu labor?. Ao meu entender, si. Na medida en que llo permiten os
seus horarios persoais e laborais, recordemos que non teñen nin adicación
exclusiva nen parcial ao concello, e na medida en que son quen de saltar a
posición obstrucionista do alcalde e o seu entorno máis inmediato. Controlan ao
goberno nos plenos, comisións e a través da presentación de mocións e preguntas
nos mesmos. Tamén o controlan revisando os expedientes administrativos que
siguen a actuación de goberno.
Deste labor de control, sairon as primeiras informacións, no
ano 2011, en plena campaña electoral, sobre actuacións irregulares no concello.
Alí se detallaban moitas das cousas que hoxe están en boca do vecindario e
nalgunhas publicacións da prensa escrita.
Estas informacións non teñen por que coincidir co obxecto da
querella da fiscalía. Polo tanto poderiamos estar diante dunha denuncia sobre
feitos que a propia oposición descoñece ou aos que non tivo aceso.
Hoxe sabemos que a fiscalía xa interpuxo a querella e que a
xuiz aceptouna e abriu dilixencias. Imaxino que este proceso xurídico
provocará, alomenos, a imputación do alcalde, Nelson Santos que será chamado a
declarar. A lei protexe a quen está querellado coa figura da imputación. Estar
imputado/a significa que estás sendo investigado por algún feito e tes dereito
a prestar declaración con asistencia letrada, avogado ou avogada, e que non tes
obriga legal de veracidade nas túas declaracións.
Que esteas imputado/a non rebaixa para nada o teu dereito á
presunción de inocencia.
Sospeito que algunha das persoas que me preguntou polo papel
da oposición neste asunto estará escandalizada pola afirmación que estou a
facer pero eu non vou mudar de opinión neste asunto dependendo de quen sexa a
persoa imputada.
Debe dimitir o alcalde?. Esta decisión está nas súas mans.
Debe pidir a súa dimisión a oposición?. Si ten claro que
houbo irregularidades debe facelo. Independientemente do que faga a xuiza e a
fiscalía.
Supoño que este será o esceario: o alcalde non vai dimitir e
a oposición si vai pidir a súa dimisión.
Este esceario ten un percorrido limitado dende o punto de
vista político:
O pleno extraordinario que o alcalde terá que convocar por
petición da oposición. A negativa a dar explicacións por parte da alcaldía ten
a súa data de caducidade nese pleno. O alcalde cometeu o erro de que sexa a
opisición quen provoque que haxa pleno. Esperemos que non cometa outro máis
negándose a contestar ás preguntas directas que alí lle van facer.
Outro momento importante será o que se produza logo da
declaración do alcalde no xulgado. Si a xuiz, ademáis da imputación, lle impón
medidas cautelares que condicionen os seus movementos, como por exemplo unha
fianza ou ter que persoarse con regularidade no xulgado, o alcalde si debe
dimitir de inmediato.
Pero este esceario non está completo sin os actores e
actrices principais: o vecindario que co seu voto provoca que a alcaldía estea
nas mans dunha ou outra persoa. Ese vecindario, que agora está preocupado ou
escandalizado polo que está a acontecer, ten nas súas mans a resolución deste
drama. Incluso sen agardar a que se convoquen unhas novas eleccións. Ningún
alcalde, dunha vila do tamaño do Porriño, é quen de aguantar a presión dunha
maioría social en contra. Ningún alcalde debe agarrarse ao sillón cando a
cidadanía o sinala co dedo.
Está a cidadanía sinalando co dedo ao alcalde que saiu
elexido hai apenas dous anos?.


No hay comentarios:
Publicar un comentario