lunes, 4 de febrero de 2013

Perigo: non toquen a fotocopiadora





Enterámonos polo Atlantico diario de que o alcalde, Nelson Santos, organizou un sistema de vixiancia da fotocopiadora municipal que, a pesar de ser bastante rudimentario, resulta espectacular e descoñecemos si eficaz.

O primeiro en sufrir as consecuencias deste novo sistema foi o concelleiro do BNG Marcos Rodríguez Novás o día que quixo facer unha fotocopia do expediente que estaba a consultar e foi abordado polo secretario da alcaldía, Urbano González Pérez, cargo de designación do alcalde e cuñado do mesmo.

Cando Marcos se achegou á fotocopiadora, o tal secretario foise para ela e agarrouna de tal xeito que era imposible levantar a tapa da pantalla onde se colocan os orixinais e, polo tanto, facer fotocopias. Ao mesmo tempo repetía: “Hai que ter autorización do alcalde para facer fotocopias”.

Quen coñeza as oficinas do concello do Porriño caerá na conta de que esta actuación, que causa vergoña allea, produciuse á vista do funcionariado que alí traballa e dos posibles veciñas e veciños que agardaran para ser atendidos.

Non me consta que o secretario da alcaldía fose equipado con uniforme de garda de seguridade nin que levara calquera instrumento para lle facilitar a tarefa. A todo se chegara, a pouco que as concelleiras e concelleiros da oposición deixen a postura de evitar os conflictos ante estas actuacións e se produza unha confrontación con incerto resultado.



Dicía Castelao nun dos seus famosos relatos: “Non vos riades que o conto é triste”.

Triste por ver un alcalde enrocado dando ordes máis propias dun parvulario que da sede da administración local da vila do Porriño.

Triste porque estamos diante dun intento de impedir que a oposición municipal poda realizar o seu labor coas garantías que a lei lle outorga.

Esta actitude de vixianza e persecución cos concelleiros e concelleiras, non é raro que estea extendida ás traballadoras e traballadores do concello porque, do que se trata, é de que o alcalde non quere que se filtre papel algún que poida dar luz sobre as graves sospeitas de comportamentos irregulares que están en boca do vecindario. Debe supoñer o alcalde que, con esta actitude de hostigamento e acoso, vai impedir que esa información saia á luz e a xente coñeza a verdade.

É como tentar evitar o afundimento do Titanic cun rollo de cinta aillante..

2 comentarios:

  1. Alucino vecino...

    Menos mal que temos cámaras dixitais. Cada vez penso que o papel é máis e máis inútil. Incluso hai escáneres portátiles: http://is.gd/aJU68k

    Saúde!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Tentar evitar o afundimento do Titanic cun rollo de cinta aillante.

      Eliminar